Monday 13 de May de 2024

20 persoas participaron este sábado en Lamas no obradoiro de elaboración de bombóns


A actividade forma parte do programa Tempos para compartir do Concello de San Sadurniño

Semella que os obradoiros do Tempos para compartir máis exitosos son os centrados na gastronomía. E boa mostra diso foi o celebrado este sábado pasado en Lamas, impartido por Mónica Cibreiro. Esta veciña de Santa Mariña ensinou a elaborar bombóns artesáns que por sabor e polo primor da súa decoración nada lle envexan aos das caixas máis exclusivas que poidamos mercar nunha tenda de delicatessen. Ao obradoiro asistiron máis dunha vintena de persoas para descubrir que facer bombóns é máis sinxelo do que parece e que o resultado final depende en grande medida do mimo, a paciencia e o gusto polo detalle.

A sesión arrancou pouco despois das 17.00h. falando dos ingredientes. Cibreiro explicou que hai múltiples chocolates no mercado e que uns dan mellor resultado ca outros á hora de manipulalos e tamén despois, á hora de probalos. Por esta razón no o obradoiro despregouse un completo mostrario adquirido en tendas especializadas e por internet, aínda que tamén é doado atopar a materia prima en grandes superficies comerciais e agora, cada vez máis, en tendas de lambetadas.

O elemento básico son as pebidas de chocolate negro, as de chocolate con leite e as de chocolate branco, aos que se engaden variantes con sabores e outros elementos para recheos, como abelás, améndoas, a ganaché -metade chocolate, metade nata de montar fervida-, galletas, cereixas e outras froitas confeitadas, guindas ou licores.

Para traballar con el o chocolate debe derreterse antes ao baño maría ou ben con pequenos golpes de calor no microondas. Dependendo da potencia do forno hai que quentar o chocolate entre 5 e 10 segundos, despois sacalo, remexer e volver repetir a operación tantas veces como sexa necesario ata que estea fluído e sen grumos.

Xunto cos chocolates, outro elemento fundamental son os moldes: cantos máis teñamos, máis variedade; e canto mellor sexa a súa calidade, máis doado traballar con eles. Cibreiro recomendou os de silicona pola facilidade do desmoldado.

Por último tamén é importante ter á man un conxelador, que será vital para arrefriar os moldes antes de empezar a enchelos e tamén despois, para garantir que a capa exterior dos bombóns recheos e a decoración que se lles faga non se converta nunha masa de chocolates e sabores mesturados. De feito, a profesora do obradoiro indicou que para facer bombóns hai que armarse de paciencia e que é moi importante seguir os ciclos do frío para que o resultado conserve as texturas e os gustos que se queiran combinar.

Un exemplo básico da elaboración dun bombón recheo podería ser este: metemos o molde uns minutos no conxelador, despois enchémolo con chocolate negro, inmediatamente dámoslle a volta ao molde para baleirar o sobrante e volvemos metelo uns minutos no conxelador: xa temos a capa exterior lista. Sacamos o molde do frío, metemos no oco unha abelá e rodeámola con chocolate con leite -incluso hai a vender o mesmo que se emprega nos saborosos “Ferrero Rocher”- tendo coidado de non enchelos de todo, logo frío outra vez durante uns minutos e, para rematar, chocolate negro que faga de base do bombón. Para finalizar, conxelador de novo durante unhas horas. Pasado ese tempo, desmoldamos e xa temos os bombóns preparados.

Próximo Tempos para compartir: “Envolvámolo para agasallo”
A vindeira cita co programa Tempos para compartir está programada para o sábado 7 de maio ás 17.00h. no local social de Ferreira. Impartirao Isabel Martínez e ocuparase de mostrarnos como envolver agasallos de forma creativa con materiais que teñamos pola casa.

Ofrécense 10 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición tendo preferencia as persoas empadroadas. A data límite para apuntarse é o 25 de abril. Tanto para inscribirse neste obradoiro como para propoñer actividades para máis adiante hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou ben pasar pola oficina de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de San Sadurniño.

Obradoiro de xabóns Con Suma Conciencia
A asociación Con Suma Conciencia tamén organizou para este sábado 9 de abril a partir das 11.00h. un obradoiro de elaboración de xabóns artesanais empregando a técnica do proceso en frío. As persoas asistentes aprenderán a facer xabóns para o corpo, pero tamén para lavar a louza ou limpar o chan.

A actividade ten un custo de 15€ para persoas socias e de 20 € para non socias e haberá que inscribirse antes chamando ao 659 259 960. Terá lugar na antiga escola de Silvalonga, situado á altura do número 22 da estrada que vai a Santa Mariña do Monte.

Charla sobre as axudas da PAC este mércores á tarde na Casa da Cultura
A PAC (Política Agraria Común) é un dos elementos fundamentais da Unión Europea, ámbito no que ten amplas competencias. De cara a promover a actividade agrícola e gandeira no rural europeo, a UE leva dende o seu comezo, nos anos 60, achegando finanzamento por medio das coñecidas como Axudas da PAC.

Co propósito de informar sobre a convocatoria das axudas da PAC para o ano 2016, a Xunta de Galicia organiza en San Sadurniño unha charla explicativa na que se tratarán os chamados “pagamento básico” e “pagamento verde”, así como sobre outras medidas vinculadas ao desenvolvemento rural.

O relator será o Xefe do Servizo Territorial do FOGGA na Coruña e explicará as principais novidades nesta convocatoria, para logo abrir unha quenda aberta de preguntas e consulta das dúbidas que se poidan xerar.

A sesión está aberta a todas as persoas interesadas no tema e desenvolverase o mércores, día 6 de abril, a partir das 17.00h. na Casa da Cultura de San Sadurniño